jueves, 27 de diciembre de 2012

A cea de Nadal de Vikingland

                   “Nos bordeis xa saben que a nosa moeda ten o anverso de ouro e o reverso sentimental”
(Manuel Antonio, De catro a catro).

A mediados da década dos noventa un mariñeiro da Guarda chamado Luis Lomba, o Haia, merca unha cámara doméstica coa intención de reflectir a vida cotiá dos tripulantes do transbordador Vikingland durante unha travesía polo Mar do Norte, entre a illa danesa de Romo e a alemá de Sylt.
Despois de máis dunha década, Xurxo Chirro, fillo dun dos compañeiros do Haia, atopa na súa casa unha copia daquelas gravacións (case dezaseis horas de metraxe). O contacto con este material anima a Chirro a iniciar o proceso de edición das imaxes, labor que o ocuparía longos meses. O obxectivo final non era outro que, partindo do exercicio de narcisismo do Haia, revelar as duras condicións de vida dos emigrados galegos na diáspora, colectivo do que el tamén formara parte.
Vikingland comparte a "épica dos grandes oficios" de Ignacio Aldecoa.
    
Chirro é un cazador furtivo de historias que nesta ocasión transita por un territorio dramático que domina con solvencia. En Vikingland aprópiase das imaxes do Haia establecendo un diálogo coa historia do cinema, coa intención de conferirlle entidade ao filme máis alá do mero discurso antropolóxico. Pero os mecanismos que pretendían alumear a travesía non fan senón cubrilo dun halo de hermetismo: son exemplos deste ambiguo xogo a dilatación excesiva dalgunha das secuencias -en concreto a dedicada ao traballo-, a mise en abyme na que se incide unha e outra vez, ou a introdución duns intertítulos que explicitan o que só debería suxerir o visual.
Malia isto, nos momentos en que o relato de Vikingland escora cara o clásico unha vibración poética constante apodérase do filme. A xente e a paisaxe cobran vida para amosar a profunda e fascinante relación entre o home e o mar. En Vikingland percíbense ecos do Moby Dick de Herman Melville e sobre todo de Gran Sol de Ignacio Aldecoa, na súa intención de poñer en valor a épica dos grandes oficios, neste caso o absorbente mundo do traballo no mar. Vikingland constitúe unha crónica documental que Chirro conxuga co xénero de aventuras e cun pouso de humor tinguido de retranca galega. Por isto consegue algo inusual nun filme pretendidamente experimental, seducir o espectador sen barreiras sociais nin xeracionais.
Manolo, o pai do cineasta, é un dos protagonistas da odisea de Vikingland.
O corazón de Vikingland é a cea de Nadal, unha peza que semella construída na tradición do kammerspiel. Nun diminuto comedor catro mariñeiros comparten unha modesta comida e a morriña por atoparse afastados do fogar. Rúa, un dos presentes, intúe na videocámara do Haia o medio de rexistro perfecto “para que a nosa xente mire a vida que pasa un mariñeiro”. Logo duns minutos onde (por iso de saberse observados) domina a impostura, os homes comezan a esquecerse da cámara; de xeito progresivo vai xurdindo na escena a “ilusión perfecta”, ese efecto que Stendhal consideraba un fito dramático no cal os personaxes parecen escapar a todos os mecanismos de control narrativo para acadar vida de seu.


Tres momentos da cea de Nadal de Vikingland.
A cea de Nadal convértese nunha velada presidida polo escepticismo, e realza a dimensión existencial dun filme xa en por si inzado de silencios elocuentes, de xestos de loita e doutros de capitulación ante un destino incerto. Como pano de fondo a soidade que azouta ao ser humano, e que nos leva á deriva como os anacos de xeo sobre os cales esvara o transbordador. A cea convértese nun ritual, nunha cerimonia que devén en exorcismo comunitario; alí están os catro mariñeiros -o Haia, Manolo, Rúa e o Charli- pero tamén os ausentes, as sombras das viúvas dos vivos e das súas familias.
A odisea de Vikingland é outro gran poema sobre o mar, un fundido en branco sobre a memoria dos nosos. 
Luis Lomba "o Haia", alter ego de Xurxo Chirro.

UA-32116171-1