martes, 31 de julio de 2012

Pizarnik/ Woodman: fragmentos dunha mesma


Un cristal que se esnaquiza en mil anacos, ou un espello fendido dun golpe que alguén propina nun acto de íntima ofuscación; calquera destes dous motivos poderían constituír a imaxe emblemática das obras de Alejandra Pizarnik (Bos Aires, 1936-1972) e Francesca Woodman (Denver 1958-Nova York 1981), dúas creadoras que procuraron a experiencia estética a través da representación incesante do seu propio eu.
Woodman realiza os seus primeiros autorretratos na preadolescencia. No máis antigo dos conservados Francesca móstrase vestida, en actitude hierática e cos cabelos diante do rostro, en ademán de alerta ante o mundo; un torrente de luz atravesa o cadro, coma unha ferida que nunca chegará a cicatrizar. A mesma consciencia do paraíso perdido é rememorada por Pizarnik en Las aventuras perdidas (1958) “Yo no sé de la infancia / más que un miedo luminoso / y una mano que me arrastra / a mi otra orilla. / Mi infancia y su perfume / a pájaro acariciado”. Primeiros indicios dun futuro enxordecedor. 
Francesca Woodman. Autorretrato. Roma 1978.
¿Que fío invisible une a Pizarnik e a Woodman? Ante todo a necesidade por expresar "con palabras deste mundo" os seus complexos universos, convertendo o feito artístico nun proceso de exploración íntimo. Así transmutan os monstros interiores en beleza, espíndose ante un mundo hostil; unha vez constatada a imposibilidade do amor (e da felicidade) optan por deixar marcas que permanecerán indelebles no tempo, a carne contra os muros de Woodman e a escritura das sombras de Pizarnik: “He nacido tanto / y doblemente sufrido / en la memoria de aquí y de allá” (Árbol de Diana, 1962). Pizarnik e Woodman naceron baixo o signo de Saturno, e tratan de aliviar os accesos de melancolía a través da creación.
Alejandra Pizarnik

Francesca Woodman. Autorretrato con trece anos.
A crueza da posta en escena, con encadres e versos cortados a coitelo, acubilla os corpos que se metamorfosean unha e outra vez, cariátides que sosteñen as súas fráxiles existencias. Son propostas estéticas repetidas de xeito recorrente e que foxen dos canons impostos, por iso a ruptura da linguaxe tradicional constitúe un dos sinais distintivos de ambas. Pizarnik e Woodman comungan coa tradición das vangardas pero transcéndenas xa que o verdadeiro camiño, o principio e o fin, atópase en si mesmas. 
O corpo e o espello rebélanse como elementos capitais; a través deles elaboran un discurso poético indisolublemente xunguido ao vital. Cada poema de Pizarnik e cada fotografía de Woodman eríxense en desafíos ao nada cotiá, en furibundas embestida contra o destino.  “Todo hace el amor con el silencio. Me habían prometido un silencio como un fuego, una casa de silencio. De pronto el templo es un circo y la luz un tambor” (El infierno musical, 1971). 
Fr. Woodman. Autorretrato, Providence, Rhode Island, 1976.
O presaxio continuo da morte cumpriuse de xeito rigoroso. As tráxicas circunstancias nas que desapareceron elevaron a estas dúas artistas á categoría de mito. Rastrexar na súa obra implica facer acto de fe, enfrontarse a unha creación que xorde da liberdade absoluta, ou cando menos do seu anhelo. Pizarnik e Woodman, enigmas que permanecerán sen resolver por sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1